Incio
 
O espazo miramemira
Exposicións  
Actividades
   
 
 

“TRES TRISTES TETRIS”

Bustrofedón, personaxe principal de Tres tristres tigres e alter ego de Cabrera Infante, obsesionado polas palabras, saía a cazalas encerrándose no seu cuarto en safaris semánticos, para reconstruílas, transformalas ou invertilas, como o seu propio nome, construíndo así un mundo en torno ás posibilidades da linguaxe. Dun modo que imos chamar paralelo, o Tetris, ese Crebacabezas no que distintas formas dadas van encaixando en torno a unha única acción, cada vez máis rápida, que non se pode modificar -a caída- e polo tanto inevitable, poderiase pensar como un mundo abstracto, no sentido de que se construíu un sistema de mundo baixo unhas regras específicas, pero sen resolver sofisticados aspectos gráficos, sonoros ou narrativos nos que estea presente un corpo histórico.


Tres Tristes Tetris, título da exposición que presenta Tayone (Vigo, 1980), podería encaixarse dentro destas dinámicas. Paredes, muros, arquitecturas, formas que se encaixan dun modo ou outro, posibilidades a partir de fragmentos de materiais construtivos, nos que ás veces asoma ou emerxe a natureza como desexo ou como paisaxe ou como natureza morta. Paisaxes nalgún sentido distópicos, se é que acaso a nosa realidade non o é xa, sen escape. E Tayone coñece ben os muros. Os seus comezos como artista no mundo do graffiti, pronto acadaron un marcado carácter social, aludindo nas súas intervencións a cuestións relacionadas co consumo masivo e as súas problemáticas sociais nun sentido amplo, para despois ampliar o seu campo en torno á ilustración, o video ou as intervencións no espazo público, utilizando estes medios, como subliña el mesmo, como ferramenta crítica para sublimar a realidade que nos contén. Esta forma de organizar a realidade, é evidentemente unha toma de conciencia ante o común e non só por unha toma de posición senón porque propón un novo modo de ordenar a realidade que é xa en si un acto político.No seu traballo explóranse os límites difusos entre o marxinal e o integrado, o mainstream, a cultura popular e o elevado, así como a emerxencia ou a responsabilidade do suxeito cultural, empregando para isto cuestións metarreferenciais e de simbolismo así como o humor, a crítica e o terrorismo de autor a partes iguais.

 

 
 
 
         
 
 
 
 
 
   
 
   
 
facebook espazomiramemira