Incio
O espazo miramemira
Exposicións
 
Actividades
 
 

(EXTRA)ORDINARY

Nas fotografías de Griet Van de Velde (Gante, 1975) preséntanse momentos que destacan por unha ausencia de referencias temporais, imaxes que se caracterizan a priori pola súa neutralidade. Nelas contemplamos unha situación na que aparentemente non se concentra máis actividade que no momento inmediatamente anterior ou posterior ao disparo. Non obstante, Van de Velde busca converter en único ese instante que semella elixido ao azar. Un intre que dentro do común destaque por saírse del e que deixe un pouso de silencio. 

As súas series alónganse no tempo, funcionando como conxuntos vivos, sen data de peche, que poden definirse en días, meses ou anos. Tampouco pasa desapercibido o rastro que deixan esas imaxes, nese treito no que a tristeza se alixeira e da paso a un sentir máis melancólico. Quizais aquí atopemos unha indubidable influencia da pintura neerlandesa, con interiores bañados polo xogo de sombras que provoca a entrada da luz exterior, establecéndose unha profunda conexión entre o ámbito doméstico e a paisaxe, cunha predilección pola captación do detalle e pola práctica dunha perspectiva levada ao límite, que aporta detalles que doutro xeito poderían perderse.  

Helberto Helder publicou en 1963 as anotacións xurdidas dunha viaxe de xuventude que o levou por Francia, Holanda, Bélxica e Dinamarca. En Amberes escribiu: O pensamento alude ao norte, a essa ideia que re­laciona o norte com o frio puro e a dramática alegria da neve, das temperaturas muito baixas. Alude também à viagem sem fé, inconsequente, feita com o inexpli­cável ardor de quem se inicia na eternidade. *Helder é quen de conter nos seus escritos o sentir que segundo él a ollada dos habitantes desa cidade transmite. Botando man sempre, pola súa orixe, dese atlantismo que se estende dende o seu Funchal natal ata o norte de Europa, é quen de establecer certos paralelismos coma os que Carlos Oroza lle dedica a Pessoa fronte ao mar, no fin da terra de Europa que para el é Galiza.

(Extra)ordinary, o proxecto específico co que Van de Velde chega ao Espazo Miramemira, contén fotografías que van dende 1998 ata 2015 –como parte dun arquivo que ten a súa orixe en 1993-. Sorprende este feito ao comprobar como as exposicións desta artista se concentran nos dous últimos anos, o que supón que durante máis de vinte traballou no máis estrito anonimato.

 

      


*HELDER, Helberto. Os passos em volta. Assírio & Alvim, Lisboa, 1997.

www.grietvandevelde.com

 
 
 
   
 
facebook espazomiramemira